jueves, 21 de mayo de 2009

Timelapses. Intervalos de tempo.

O Time lapse, ou intervalo de tempo, é unha técnica prima do Stop Motion moi utilizada en documentais, e moi especialmente en videoclips e filmes, e en disciplinas científicas como a meteoroloxía, bioloxía e astrofotografía.

A idea xeral é a de sacar unha foto cada certo tempo para recoller os cambios que teñen lugar no encadre nun espazo concreto de tempo, e poder velo de maneira acelerada.

O intervalo entre fotos pode variar o que queira o creador, dende 1 segundo para timelapses moi rápidos (como o movemento de nubes nunha tormenta) a fotos máis demoradas para rexistrar fenómenos máis lentos (como o xiro da terra reflexado no cambio de posición das estrelas no firmamento, ou as mareas).

O proceso posterior e preparativos son practicamente os mesmos que para o Stop Motion. Cámara fixa ou con movemento controlado (ideal mecanismos robotizados, como os dos telescopios), e fotos sacadas cunha cadencia concreta para despois ser encadeadas cun programa de edición de vídeo.

Como diferencia, co timelapse temos que ter en conta dúas cadencias.

O primeiro é o intervalo propiamente dito, como xa comentamos arriba, que é cada canto tempo se sacan as fotos.

O segundo é durante canto tempo permanece aberto o obturador da cámara, en caso de poder controlalo. Isto é especialmente importante en ambientes con pouca luminosidade, como fotos das estrelas ou do tráfico pola noite. Ou incluso de días se queremos que os obxectos ó moverse deixen unhas estelas de desenfoque que proporcionan unha estética moi especial a estas creacións.

Por suposto depende moito do equipo dispoñible o que imos poder conseguir. Ista técnica e moito máis esixente que o Stop Motion. curiosamente no Stop Motion o que fai que teña forza é a deseño da escenografía, os elementos, etc... e a cámara é menos importante. No timelapse os elementos xa os proporciona a natureza sen buscar demasiado, unha flor que se abre, o xeo derreténdose, as mareas, os ciclos astronómicos, as estacións,... e calquera elemento da paisaxe, como o tráfico ou as luces dunha cidade. Por suposto que o encadre e a elección do artista ou creador serán igualmente claves, pero posuír equipos de certa calidade, a posibilidade de poder xogar con lentes, intervalómetros, etc... é moi interesante.

Xa que mencionei o intervalómetro, pois é un aparello que permite ser programado para que lle diga á cámara como son os intervalos para facer as fotos automaticamente, sen ter que estar alí pulsando a cámara manualmente durante horas ou o que dure o timelapse. Tamén se pode controlar conectada a un ordenador con certos programas e rutinas, e de paso funcionar como sistema de almacenamento das fotos.

Importante. Tede en conta que a cámara vai a estar acendida durante moito tempo, exposta ó tempo e ós desaprensivos, necesitada dun suministro de enerxía e dunha forma de almacenar as decenas, centos ou miles de fotos que se van a facer.

Os resultados solen merecer a pena.

Marea en Praia Barraña.

Experimento de timelapse feito cunha modesta webcam dende a fiestra. O intervalo das fotos é de cinco segundos. A exposición non pode ser controlado ao ser unha webcam. A calidade é mala tirando a pésima por causas propias do medio técnico usado.

No hay comentarios: