jueves, 21 de mayo de 2009

Stop Motion

O Stop-Motion, ou "paro e movemento", é unha técnica de animación moi estendida e popular.

Fundamentalmente consiste en encadear diferentes fotogramas que recollen pequenas diferencias entre si en tanto en canto ao movemento da cámara ou dos elementos da escena, polo que cando se proxectan a determinada velocidade se crea unha sensación de movemento máis ou menos fluída en función do número de fotogramas por segundo empregados.

Esta ilusión é posible gracias a unha propiedade da visión humana que se chama "persistencia retiniana". A persistencia retiniana fai que unha imaxe permaneza na retina uns instantes despois de que esta reciba o estímulo luminoso que a formou, facendo posible que as imaxes se mesturen en certo modo. E por iso, aínda que estamos vendo proxectadas unha serie de fotogramas independentes (24 cada segundo no caso do cine, ou 25 no caso da tele), o cerebro interpreta as imaxes como un movemento continuado.

Para facer o Stop-Motion en condicións é necesario superar a barreira dos 12 ou 15 fotogramas por segundo. doutro xeito a ilusión de movemento non será posible. Asemade canto maior sexa o número de fps representados tanto máis fluída será a animación, sempre que os movementos internos do fotograma ou do encadre non sexan demasiado bruscos, claro está.

Recorda que canto máis movas a cámara ou un elemento do plano con respecto ó fotograma anterior, máis rápida e brusca será a sensación de movemento producida.

Trucos para un Stop-Motion xeitoso:

- A cámara debe de ir pousada nun trípode para que a diferencia de encadre que se produciría o aguantar a cámara co pulso non cree unha ilusión de vibración. Se queremos simular un movemento de cámara deberemos mover a cámara cada fotograma moi levemente.

- A cámara debería tomar as fotos sen ningún automatismo, como por exemplo o balance de blancos. É moi interesante que utilicemos a cámara de fotos de forma manual, para que as decisións sexan tomadas por nós, non por unha máquina que quizá non saiba o que pretendemos (seguro que non, vamos). Así manteremos unha continuidade dun fotograma para outro que axudara a evitar parpadeos (flickering) e outros artefactos e defectos.

- Recorda: Movementos bruscos ou amplos darán sensación de velocidade, co risco de ser pouco harmoniosos. Movementos lentos darán a sensación de suavidade.

- A iluminación sempre foi moi importante en calquera tipo de produción audiovisual, pero neste caso é crucial. ten en conta que cada fotograma debe ser idéntico, ou moi similar, ao anterior. Doutro xeito, corremos risco de que parpadee a imaxe. E ollo, que a medida que avanza o día o sol varía a súa posición respecto a terra, e se tardamos de máis poderíamos romper a continuidade.

- Antes de sacar as fotos pensemos no destino final do video que crearemos. Se a resolución máxima dunha televisión PAL é de 720x576 puntos, non ten sentido que as fotos que saquemos teñan unha resolución de 2880x23054, verdade? Economía.

- A velocidade ideal é de 25 fotos cada segundo. Pero con 15 fotos por segundo xa podemos traballar, e nos aforramos fotos. Para calcular a velocidade para os movementos de cámara e dos diferentes elementos da escena, primeiro observa o movemento simulado na vida real. Se para mover un brazo necesitamos dous segundos, e imos a traballar a 15 fps, pois necesitaremos facer unhas 30 fotos para recoller ese movemento. A clave é a observación, como case sempre. E co tempo e a práctica iremos axustando cada vez máis.

Cando teñamos todas as fotos, non queda máis que unilas con algún programa de edición de video ou de animación, engadir os sons ou melodías, títulos, etc... e xa está.


É unha técnica moi doada, divertida e barata. Podemos animar plastilina, papeis, escritura nun enecerado, monicreques, bonecas, ata persoas ou sombras... a imaxinación pon o límite.



Exemplo de Stop Motion: VELOCIDERAS

Breve experimento de Pascual Vidal González.

Disque cando soa o timbre para rematar a xornada os corredores dos institutos son mudas testemuñas das máis endiabladas persecuciones.

Son xente con presa.

Son VELOCIDERAS.


No hay comentarios: